Carlos Maside



Carlos Maside García, nacido en San Xulián (Pontecesures) el 16 de marzo de 1897 falleció en Santiago de Compostela el día 10 de Junio de 1958, fue un pintor gallego/español .
Trayectoria, seguimos en gallego:
De mozo, os seus pais mandárono á escola dos mestres Gende e Trasmonte en Padrón, onde completou os estudos escolares e recibiu as súas primeiras ensinanzas artísticas. En 1913 faleceu o seu pai e Maside comezou a traballar nun almacén téxtil. En 1917 foi a Madrid para cumprir co servizo militar. Ao ano seguinte comezou a publicar os seus traballos na revista Vida Gallega.

Unha primeira experiencia vital destacada de Carlos Maside é o descubrimento de Galiza, acontecemento que está ligado a dous aspectos cualitativos importantes. En primeiro lugar, a toma de conciencia do feito galego verifícase en Maside desde a propia terra, en contacto cos homes da Xeración Nós e coa amizade de Castelao, sendo este a figura máis afín a el non só por razóns estéticas, senón tamén sentimentais e ideolóxicas. O segundo aspecto fai referencia ao momento histórico en que se produce tal descubrimento. Maside entra no mundo da cultura galega, na decisiva década dos vinte, nun tempo no que se aprecian modificacións substanciais na sociedade, cambios no mundo urbano e industrial, que xa nos permiten albiscar unha Galicia menos ruralizada. A Maside interésalle a Galicia da transformación: o mundo urbano, a imaxe do centro industrial vigués, as fábricas de conservas e os obradoiros de construción naval.

Unha segunda experiencia vital salientábel de Maside foi o descubrimento do marxismo. A xeración de Maside recibiu o impacto deste fito na primeira xuventude, e a causa da revolución social e a defensa do proletariado foron abrazados por Maside e por moitos novecentistas, que se identificaron no plano intelectual coa versión comunista do socialismo e rexeitaron, aínda que hai excepcións, a alternativa que lles ofrecían os fascismos triunfantes na década dos trinta. En Madrid a través da prensa (El Sol, Nueva España, Política), Maside apoiou os cambios sociais da Segunda República. En El Pueblo Gallego, na viñeta diaria que fai, buscou formar criterios e crear actitudes e a consecución das liberdades para a súa terra, como o Estatuto de Autonomía de Galicia, no marco da legalidade democrática. Como debuxante e gravador, Maside foi un dos grandes intérpretes da historia contemporánea e tiña a convicción intelectual de "non querer entender Galicia, nin España" fóra do acontecer europeo.

Unha terceira experiencia vital importante en Carlos Maside foi a de formar parte dun movemento de vangarda, que florece en Galicia durante os anos da Ditadura e da Segunda República, e que, está destinado á renovación artística e social. Os membros desta xeración, denominados Os Novos, emerxen como grupo xa cohesionado en torno ao diario El Pueblo Gallego, arredor de 1925. Antes de rematar a década apareceron as primeiras e xa definitivas obras: Manuel Antonio publicou en 1928 De catro a catro e converteuse no primeiro poeta de vangarda na orde cronolóxica e xerárquica; Rafael Dieste transformou a linguaxe narrativa nos relatos de Dos arquivos do trasno (1926); Maside iniciou tamén neste ano de 1926 a serie de pinturas cunha determinada repartición da superficie e de cor convencional que constitúe, xunto coa serie de estampas, un fito na renovación plástica. Estes mozos, denominados Os Novos, son os mesmos que nos anos trinta se reuniron en Madrid, no parladoiro da Granja del Henar e arredor da revista Nueva España. Son pintores, xornalistas, ensaístas e pensadores que formaban un heteroxéneo grupo disciplinar pero vinculado pola mesma tensión espiritual e creativa. Eran Rafael Dieste, Carlos Maside, Eugenio Montes, Otero Espasandín, Jesús Bal y Gay, Felipe Fernández Armesto, Arturo Souto, Cándido Fernández Mazas e Manuel Colmeiro Guimarás, entre outros, os cales de forma solidaria, na súa maioría, colaboran activamente nas actividades socio-culturais da Segunda República.

En 1932 o espazo que enmarca a súa figura é de novo Santiago de Compostela, traballando enfundado en mono, con gubia e buril no seu estudio definitivo no número 42 da rúa do Vilar; viaxando ao Instituto de Noia para impartir clases de debuxo; conversando -ou xogando ao xadrez- nos faladoiros dos cafés composteláns. Era un home delgado, de pelo abundante, moi proporcionado e máis ben alto. De mirar directo e penetrante, falaba amodo como buscando a palabra exacta, e cun ritmo característico acompasado co movemento das expresivas mans. Os que o trataron por aqueles anos falan do seu poder de idealización, da precisión dos seus razoamentos, do seu discurso despexado e limpo, e da súa poderosa personalidade.

A súa vocación non é soamente a de pintar, senón a de investigar e revelar. Prepárase na realización técnica e nos oficios. Estuda o gravado en madeira, augaforte e linóleo. Cultiva con paixón o aspecto artesanal da pintura; o intercambio de ideas e discusións de técnicas no taller de Xosé Eiroa e noutros obradoiros reforza a amizade con marmoristas, ebanistas e outros oficios. Mantén trato habitual cos ourives e tallistas composteláns, busca a relación cos albaneis para perfeccionar a témpera.

Está convencido de que a pintura de cabalete estaba pechando un ciclo, e toda a enerxía creativa do tempo presente debía xerar unha pintura nova en relación á arquitectura, en construcións de edificios públicos, seguindo o proceso de integración das artes que defendía a Bauhaus e a vangarda rusa. Valora o papel do público no proceso que chamamos arte. Pretende obrigar o espectador a que actúe ante a obra, que se sitúe fronte á pintura no espazo, que o seu papel non sexa pasivo e que se sinta identificado con aquelas manifestacións como parte do seu ser propio. A súa máis ardente representación de Galicia pasa polo muralismo, a imaxe da combativa pintura mural mexicana: plasmar os traballos do pobo, os seus ritos, a súa cultura nas paredes das construcións oficiais. Aspira a realizar unha arte monumental e pública, que expresara a Galicia, tendo presente que para Maside na representación de Galicia era condición irrenunciable representar o mundo. Esta dobre preocupación conceptual e técnica pódese observar nas estampas e nas solucións simplificadoras tan apropiadas para o muralismo dos seus óleos ou gouaches.


O cambio político afectara á composición do círculo máis íntimo dos seus amigos, á relación coas institucións e á situación en xeral. Vívese nun ambiente de proximidade da cultura á sociedade. Maside é pioneiro na formación da Colección de Arte Contemporánea para o Seminario de Estudos Galegos, con pezas que os artistas entregaban como traballo preceptivo para ser membros numerarios; é vogal da Xunta Directiva da Sociedade de Amigos del Arte para o desenvolvemento das artes plásticas, entidade que fai uso dun escaparate, aberto sempre ao público, como lugar de exposición permanente; pola súa iniciativa, a directiva decide propoñerlle ao Concello de Santiago a creación dunha Biblioteca de Arte no Pavillón do Paseo da Ferradura.

Visita con frecuencia a Librería Niké, onde os propietarios non atenden criterios puramente empresariais, con frecuencia os clientes mercan libros segundo a súa dispoñibilidade económica. A editorial Nós, situada no número 15 da rúa do Vilar -fronte ao seu estudio- é outro lugar de encontro habitual, en torno ao grupo que se move xunto a Ánxel Casal para quen colabora con asiduidade. O recinto da cidade, as súas prazas, rúas, monumentos, soportais... motívano para realizar apuntes do natural que, elaborados no estudio, converte en gravados, gouaches e óleos. Adoitaba dicir que "Compostela é unha cuestión de espazo". Na feira da carballeira de Santa Susana, recolle os xoves, en centos de bosquexos, figuras de paisanas, feirantes, vendedoras, animais, trebellos, ferramentas e cestos, que lle servían para confeccionar dun modo inmediato as estampas e a viñeta do día seguinte, no xornal. Outras veces son os retratos ou caricaturas do natural realizadas con esa rara facilidade e simplicidade de liña. Hai situacións, acontecementos e personaxes na vida de Galicia que non se poden separar do testemuño case notarial dos seus deseños. En 1932 realiza estampas e gravados para as revistas Resol, Universitarios, Cristal e Yunque, e son deste ano tamén as famosas xilografías do seu "Autorretrato" e do "Retrato de Castelao".

En 1932, na vida intelectual compostelá, convivían dous parladoiros: o do café Derby e o do Español. No primeiro xuntábanse os galeguistas e profesionais de procedencia universitaria, e nel aparecía Ramón María del Valle Inclán nas súas estadías temporais en Santiago, e tamén Carlos Maside que desfruta da amizade de varios contertulios e do escritor, de quen realiza apuntes e retratos do natural. O outro parladoiro, o do Café Español, caracterízase polo interese artístico e literario. Está formado por artesáns, empregados, estudantes e artistas. Moitos son republicanos e de pensamento filomarxista. No eido da plástica Maside exerce unha especial influencia, e Luís Seoane destaca como futura promesa. No Español xéstase a constitución dun grupo local do Comité Cooperación Intelectual. Convídase a varios poetas para pronunciar conferencias, e un dos escritores invitados é García Lorca.

Cando se coñecen persoalmente, en 1932, Carlos Maside e Federico García Lorca, con trinta e cinco e trinta e catro anos respectivamente, teñen en común moitas vivencias, e na práctica artística unha gran experiencia no tratamento do tema popular. Por razóns históricas, ambos viven ao unísono a experiencia de como "o popular" estaba a ser traspasado e enriquecido polo concepto "pobo", tal como se entende despois do triunfo da Segunda República; pois a fusión da hora histórica coa práctica artística confirma o paradoxo de que os artistas intentaron elaborar proxectos para a sociedade antes que os propios políticos. O debate sobre a función da arte cambia de forma significativa. O pobo que defende a República transforma a mesma noción de vangarda, que se converte en vangarda espiritual, moral e cívica. En resumo, nace unha versión acentuada da volta ao pobo en busca de valores últimos, que se apreciara xa na Xeración do 98, pero que agora esixía que aquela admiración fose acompañada dun compromiso práctico. Tal compromiso no caso de Carlos Maside xa fora consumado co seu ingreso no Cárcere Modelo de Madrid, en Nadal de 1930. Unxido polo mesmo espírito vén García Lorca a Galicia en 1932, primeiro como conferenciante e logo coa Barraca. Sumidos na efervescencia comunicativa do momento, mentres pasean polas rúas e prazas de Santiago, manteñen aquela conversa interminable sobre Nova York, e sobre a arte exipcia que constitúe en si mesmo unha homenaxe á cultura. Este encontro memorable, dende un ángulo externo, tamén significa o contacto fugaz de dúas culturas moi intensas na persoa de dous creadores que son así mesmo membros representativos da Xeración española de 1927 e da Xeración Galega de 1925.

En 1932, parte da obra pictórica de Carlos Maside foi seleccionada para a exposición itinerante que percorría distintas capitais dos Estados Unidos, baixo o título de Exposición de Artistas Españoles Contemporáneos, patrocinado polo Carnegie Institute of Pittsburg, na que figuraban Daniel Vazquez Díaz, José Moreno Villa, Maruja Mallo, Arturo Souto, Ricardo Baroja, Hidalgo de Caviedes e José Gutierrez Solana. Xunto a unha produción, sempre copiosa como debuxante, a súa pintura faise máis reflexiva. Busca fundamentos máis seguros, sendas de auténtica orixinalidade e fertilidade a través do complexo labirinto de seducións da arte no momento actual, que coñecía moi ben polas estadías como bolseiro en París e Madrid. En marzo dese mesmo ano 1932, Carlos Maside presentou no Casino de Vigo a primeira gran exposición individual, que constituíu un acontecemento social e artístico. Esta mostra estaba moi coidada e recollía o seu traballo desde 1928, e o autor esperaba certo éxito nas vendas, mais estas foron escasas e resultou un fracaso económico.

Nesta altura, Maside xa ten madurado o seu ideario pictórico, aquilo que el denominaba concepto expresivo, pois para este pintor tema ou motivación non é nunca un mero pretexto. O obxecto é un misterio unitario, total, inescindible, no cal se poden discernir analiticamente estruturas formais, relacións lumínicas, calidades ou cualidades. Deste xeito, Maside escríbelle a Luís Seoane:

Para min o quid, a clave está no asunto. Non porque crea que este teña de absorber ou subordinar os valores plásticos, converter o cadro en simple narración, senón como elemento enxendrador del, a súa semente. E a calidade da semente decide a esencia e o valor humano do cadro; a carga magnética da cor e das formas. Creo que hai que pintar aquilo que amamos entrañablemente, que nos ata co seu misterio e alegría; que mete as súas raíces en nós e as súas ansias de florecer na alma.(...) Basta de xarras ou de guitarras porque a arte non é un xogo. De selo sería unha partida na que o xogador pon a súa fortuna, gloria e ruína.(...) Esto formou, sen dúbida, sabios pero non santos, e santo, nun senso entrañable (aínda que non relixioso, naturalmente) é ante todo o artista.
En abril de 1936 viaxou a Madrid para atender ao seu irmán Benito, enfermo. En Compostela e participou na campaña publicitaria do Estatuto de autonomía con facendo os carteis e gravados.

En1936,  Maside, impartía clases en Vigo, logo retornou a Compostela , os celos, e envexas profesionais de compañeiros están detrás da delación que proporciona os datos fundamentais do prego de cargos que lle incoaron. A información «voluntaria» proporcionada en varias cartas dirixidas en 1937 á Comisión polo director da Escola de Artes e Oficios Artísticos de Santiago, o recoñecido pintor local Roberto González del Blanco, e ademais  compañeiros de traballo, cumpriron un papel decisivo á hora de impoñerlle a sanción.

Neste período a súa pintura non é crítica co aparato político oficial. Como di no seu ensaio "En torno a la fotografía popular" a realidade inmediata é vulgar e confusa: fluída e cambiante, esconde o seu enigma na espesa maraña do cotián devir; ofrécesenos chea de heteroxéneas intencións, entrecruzada de infinitos rumbos contraditorios.

Durante varios anos viviu no illamento, con escasos contactos co medio social e ningunha relación coa vida oficial e política. Recolleu os seus pensamentos teóricos e experiencias nun caderno de notas, onde analizou a polémica da arte realista fronte á abstracta. A guerra civil española e as súas secuelas inflúen directamente na súa obra e Maside desenvolve novas técnicas de distanciamento ou de estrañamento. Deste xeito, en condicións políticas forzadas, reconstrúe as formas escollidas do artista marxinado que se aparta da reprodución dunha contemporaneidade oficial que é hostil á arte.

En 1940 morreu o seu irmán Benito, e Maside alugou un novo estudio na zona vella de Vigo, onde mantivo unha relación moi estreita con algúns pintores. Formou parte do parladoiro do Derby e conviviu con Valentín Paz-Andrade, Francisco Fernández del Riego, Emilio Álvarez Blázquez e Darío Álvarez Blázquez.

No outono de 1945 organizou no Casino de Vigo a súa primeira exposición despois da guerra. Trátase dunha obra de madurez, na que amosa a tensión entre o alento creador e a súa mentalidade analítica. En 1947 iniciou unha intensa correspondencia con Luís Seoane que se prolongou ata o seu falecemento.

En 1951 concorreu con varios cadros á exposición Artistas Gallegos, que organizaba o Centro Gallego de Bos Aires na sala Velázquez, na que Seoane leva o labor organizativo. Por medio de Paz Andrade, envía a esta mostra A sorte do paxariño, Tenda, A sesta, Dúas paisanas, Xardas e Costureira. En Compostela concorre ó histórico círculo do Café Español, onde coincide, na oposición ao franquismo: Otero Pedrayo, Borobó, Bouza Brey, Iglesia Alvariño, Benito Varela Jácome. A este parladoiro asisten con regularidade Ramón Piñeiro e García-Sabell, destacados membros da Editorial Galaxia, da que Carlos Maside foi elixido director artístico. Establece unha íntima amizade con Ramón Piñeiro por riba das nomeadas diferenzas ideolóxicas.

Nos seus últimos anos toma contacto coa mocidade daquel tempo, o seu sobriño Xulio Maside, os irmáns Franco Grande, Ventura Cores Trasmonte, Salvador García-Bodaño, Gonzalo R. Mourullo. Establece con eles lazos afectivos e intelectuais moi fortes.

Na primavera de 1953 realizou a súa última mostra individual, na Sala de Turismo de Santiago, en dúas exposicións consecutivas. A primeira, composta por dezanove obras, presenta unha visión directa da realidade, onde os valores representativos se impoñen sobre os plásticos. A segunda, con dezasete lenzos, caracterízase porque o interese do artista pola visión directa da natureza pasa a segundo plano, mentres que os valores plásticos adquiren primacía no cadro. A liña, a cor, a luz e a composición orquéstranse e aspiran a representar no plano a imaxe aparentemente real do mundo exterior.

A pesar da súa precaria saúde, escribe sobre aqueles temas que máis o apaixonan: a relación da forma co movemento, o comportamento da luz e a esencia expresiva das cores e as formas. Fai comentarios sobre os expresionistas, Arnout, Nolde, Kokoschka ou Soutine, sobre o simbolismo e sobre o coñecemento humano e as emocións, aínda que o seu tema fundamental segue a ser problema da representación. Tamén o teatro e o cine constitúen dúas grandes afeccións para Maside. En 1953 elaborou un proxecto de documental para NO-DO, titulado O Pórtico da Gloria, no que abordaba o guión técnico, literario e maila dirección, e que non chegou a realizarse.

Faleceu en Santiago de Compostela o 10 de xuño de 1958 despois dunha longa enfermidade
A súa obra ten unha fonda raizame galega que, debido ao percorrido vital deste artista, conxugou co cubismo, o realismo máxico e o expresionismo, polo que rematou sendo unha importante referencia para as vangardas pictóricas galegas

É a figura aglutinadora dos renovadores, fortemente vinculado a personalidades que reivindican unha nova realidade política e social para Galiza, como Castelao ou Rafael Dieste. É quizais o máis internacional do grupo, chegando a celebrar exposicións en Europa e América. Na súa formación artística cabe destacar a estadía en París, cunha bolsa para ampliar estudos por dous anos, de onde recibiu o influxo de Cézanne, Van Gogh e Gauguin. Así, quixo introducir as novas vangardas descubertas na cidade do Sena pero sen perder a identidade galaica. Dese intento saen obras como Labregas comendo mazás (1927-1928).

Nas súas obras está moi presente a liña expresionista, especialmente naquelas onde os trazos se fan moi grosos e nos remiten á paleta triste e case monocroma característica do expresionismo alemán. No cadro Cabezudo podémolo apreciar ben. Como na maior parte dos renovadores, os temas relacionados coa muller teñen unha activa presenza, sobre todo a representación da muller campesiña, que quedou representada nas composicións Costureira, Cacharreira ou tamén en Parolando.

Pintor, debuxante e gravador, interésase pola estruturación volumétrica e a expresividade, moi na liña do primeiro expresionismo. Nos seus cadros ao óleo destacan os grupos de figuras humanas, fundamentalmente femininas, sorprendidas nos seus labores diarios, dotadas de inmobilidade, ensimesmadas, atemporais e inexpresivas. Recrea os ambientes das feiras, as paisaxes, o ambiente campesiño e a Galiza urbana. Nas súas composicións predominan as formas sólidas, feitas con trazos sumarios pero densa coloración, as figuras pesadas e fortes, concibidas como esculturas de granito e de formas redondeadas.


Nos anos de posguerra potenciou os efectos cromáticos e os efectos da luz, empregando tons máis puros, luminosos e intensos, achegándose a posturas fauvistas. Fronte á solidez anterior e trala lectura das obras de Kandinsky, incorpora un maior sentido xeométrico, comeza a desintegración formal das figuras e tamén a compoñer por medio de planos de intensa luminosidade e cromatismo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

PINTORES GALLEGOS DEL SIGLO XX - XXI

Jesús Valverde Alonso

Ángel Sevillano