Enrique Campo Sobrino


Enrique Campo Sobrino, nado en Pontevedra o 21 de setembro de 1890 e morto, na mesma cidade, o 2 de xuño de 1911, foi un pintor e debuxante que destacou polos seus traballos para a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.
Sendo aínda un rapaz entrou xa en relación con Casto Sampedro, que en 1894 fundara a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra. Casto Sampedro apreciou axiña a calidade dos debuxos de Enrique e a súa capacidade de traballo e de observación, ata o punto de nomealo socio de mérito da Sociedade o 28 de decembro de 1906, con só 16 anos. Desde ese momento converteuse en debuxante oficial e colaborador habitual da mesma.
Enrique Campo debuxou centos de edificios, monumentos, petróglifos, escudos e distintas pezas de arte, ó longo das continuas viaxes que realizou por terras de Pontevedra, só ou acompañando os membros da Sociedade. Especialmente produtiva foi a viaxe que realizou desde maio a outono de 1909, xunto o gravador compostelán Enrique Mayer, co propósito de recoller material para a Exposición Rexional Galega que López Ferreiro, entre outros, organizou en Santiago a finais dese mesmo ano, e na que Enrique Campo foi designado delegado da sección arqueolóxica. Durante o percorrido escribiu un Diario no que detallaba os itinerarios seguidos: o Morrazo, Vigo, Tui, Baiona, Gondomar, O Porriño, Ponteareas, Salvaterra, Ribadavia, Melón, O Carballiño e Cea, para regresar por terras do Deza e o Ulla ata rematar en Santiago. No diario engadiu comentarios artísticos, topográficos e etnográficos, que publicou Xosé Filgueira en 1944.
Rematada esta xeira e a montaxe da Exposición, en outubro de 1909 marchou a Madrid para cursar estudos artísticos cunha bolsa concedida pola Deputación de Pontevedra, que simultaneaba cun traballo de administrativo na Compañía de Tabacos. Como mantén o seu interese pola arqueoloxía, decide organizar pequenas viaxes polas proximidades de Madrid e na primeira que fai descobre, o 8 de decembro, unha ara romana nas proximidades da Ponte dos Franceses, a primeira ara romana que se atopaba en Madrid e que hoxe se conserva no Museo Arqueolóxico Nacional. O achado serviulle para ser nomeado membro correspondente da Real Academia de Historia en 1910.

Meses despois cae enfermo e non consegue recuperarse. Ante a inminencia da súa morte trasládano a Pontevedra, onde morre o 2 de xuño de 1911, sen cumprir aínda os 21 anos.

Comentarios

Entradas populares de este blog

PINTORES GALLEGOS DEL SIGLO XX - XXI

Crítica de Arte sobre Diego de Giráldez

Elena Colmeiro